Skip to Content

Mobilidades invisibles: cando moverse pola cidade tamén depende de quen somos

24 de setembro de 2026 by
Mobilidades invisibles: cando moverse pola cidade tamén depende de quen somos
Fundación 26 de Diciembre - Galicia
O pasado 18 de setembro, a Fundación 26 de Decembro participou nas xornadas «Mobilidades Invisibles. Xornada de Mobilidade e Coidados», organizadas pola entidade MOBI-LIZA e celebradas no MUNCYT da Coruña, no marco da Semana Europea da Mobilidade 2026. Este encontro puxo o foco en esas outras realidades que, con frecuencia, quedan fóra das formas máis habituais de entender a mobilidade e o dereito a habitar a cidade.

A nosa participación tivo lugar na mesa redonda: «Quen queda fóra da mobilidade? Experiencias e retos da mobilidade desde o tecido social», un espazo compartido con entidades como Amigonianos Galicia, GRUMICO, SOS Racismo Galicia e Fundación Érguete. Paco Novo, traballador social da Fundación en Galicia, achegou a mirada das persoas maiores LGTBIQ+, recordando que a mobilidade non se limita á posibilidade física de desprazarse dun lugar a outro.

Para moitas persoas maiores, especialmente cando viven soas nun entorno rural, ao contar con redes de apoio fráxiles, saír de casa, acudir a un servizo, participar nunha actividade ou simplemente encontrarse con outras persoas pode converterse nun reto. No caso das persoas maiores LGTBIQ+, estas dificultades poden estar atravesadas pola discriminación, o medo á exposición da propia identidade ou á ausencia de espazos nos que sentirse seguras e recoñecidas.

Falamos, por tanto, de mobilidades condicionadas por múltiples factores: idade, diversidade, territorio, situación económica, accesibilidade ou existencia dunha rede de coidados e apoio. Factores que se cruzan e poden facer que determinadas persoas teñan moitas máis dificultades para exercer algo tan básico como participar na vida comunitaria.

A xornada permitiunos compartir experiencias con outras entidades sociais e, ao mesmo tempo, incorporar novas perspectivas para seguir pensando como construir cidades e comunidades máis accesibles, habitables e inclusivas.

Porque falar de mobilidade tamén é falar de autonomía, coidados, vínculos e o dereito a formar parte da comunidade. E porque facer visibles estas mobilidades que permanecen ocultas é tamén un primeiro paso para que ninguén se quede atrás.
O non lugar
Carta polo día da Visibilidade Bisexual