A Fundación 26 de Diciembre en Galicia participa de xeito activo nas accións polo mes do Orgullo LGBTIQ+ 2025. Este ano apóstase por accións compartidas que poñen en valor a memoria, a loita e a ledicia de vivires, construíndo pontes entre xeracións e territorios. A colaboración é a principal ferramenta para avanzar en dereitos e en coidados.
Estas actividades quedan enmarcadas desde finais de xuño até o 17 de xullo e destacan accións como a Feira de Asociacións LGBTIAQ+ da Coruña, concibida coma un espazo para a diversidade e o intercambio de experiencias entre entidades do terceiro sector. Asemade, durante o 28 de xuño, a Fundación 26 de Decembro organizou un "Xantar Orgulloso" nunha xornada marcada pola festa e a reivindicación de dereitos, que culminou coa masiva manifestación polo centro da Coruña con motivo do Día Internacional do Orgullo LGBTI.
Galicia conta cun tecido asociativo diverso e comprometido que soubo tecer redes desde o local, o comunitario e o rural. Aínda que a visibilidade das persoas maiores LGBTIQ+ segue sendo un reto, cada vez hai máis iniciativas que apostan polo seu recoñecemento e participación activa. A periferia non é un límite, senón un espazo fértil para resistencias, coidados e propostas transformadoras. O movemento LGBTIQ+ ten identidade propia, con carácter interxeracional e arraigada no territorio.
"O Orgullo non é só unha festa, é unha ferramenta de transformación social, En 2025 seguimos enfrontando discursos de odio, retrocesos en dereitos e discriminación cara ás persoas LGBTIQ+, especialmente cara a quen sofre unha maior vulnerabilidade, como son as persoas maiores", estas palabras de Paco Novo, técnico de proxectos na Fundación, resume por que é preciso seguir reivindicando e celebrando cada ano.
Como colofón a un mes cheo de eventos e accións de reivindicación de dereitos LGBTIQ+, a Fundación será parte do coloquio sobre Chemsex previsto para o próximo 17 de xullo na cidade da Coruña.